Páginas

martes, 5 de marzo de 2013

Pedra Armeira do Pazo de Sobrecarreira. Sigrás



Situación: Pazo dos Loriga ou de Sobrecarreira. Parroquia de Santiago de Sigrás. Concello de Cambre. 

A uns doce quilómetros da cidade de A Coruña, pouco despois da igrexa parroquial, en pleno Camiño Inglés ou de Faro, eríxese o Pazo de Sobrecarreira dentro da área do poderoso recinto castrexo que domina esta parroquia.

Arquitectura: Adscríbese a arte barroca e a fábrica actual data do século XVIII. 

A planta do Pazo de Sigrás  é rectangular e a fábrica constitúese con sillería de granito nas esquinas e enmarcando todos os vanos (ventás,  portas, respiradeiros...); no resto dos paramentos o material empregado é mampostería enlucida. Enriba da porta de entrada resalta un pequeno balcón de ferro forxado. No centro do aleiro aparece enfoscada, nun tímpano semicircular, a pedra armeira dos fundadores deste pazo. Ademais das construcións propiamente pacegas, pódense ollar outras edificacións coma alpendres, capela e, na parte traseira, un pequeno xardín desenvolvido ao redor dunha pequena fonte.


Vista actual do Pazo de Sobrecarreira. Fotografía de Ramón Boga Moscoso

Historia
Fundouse o maiorazgo en Sigrás en 1573 por Domingo Loriga, que herdara propiedades nesta parroquia. Sen embargo, os ascendentes de Domingo xa viviran en Sigrás: consta que os matrimonios de Diego Rodríguez-María López e Alonso Jaspe-Gregoria de Bustamente, tiveran o lugar de residencia xa en Sigrás. Juan López de Lima, fillo do primeiro matrimonio, casou coa filla do segundo, Catalina de Bustamente. O resultado deste casamento foi a dona Gregoria López de Bustamante que casou co Capitán Domingo Loriga (fillo de Domingo Loriga “el Viejo”) cuios pais eran Francisco Labora e Isabel Jaspe.


Pedra armeira do Pazo de Sobrecarreira. Fotografía de Ramón Boga Moscoso
No pazo dos Loriga de Sigrás naceron o Xeneral e Xefe político da provincia de A Coruña don Antonio Loriga Reguera. Este uníuse a Rosa Taboada e Mondragón da Casa de Liñares en Lalín: un dos seus fillos sería o pai do famoso Xeneral don Juan Loriga Herrera-Dávila, primeiro Conde de O Grove e preceptor de Alfonso XIII. Tamén naceu no pazo de Sobrecarreira o militar e notabilisimo matemático Juan Jacobo Durán Loriga, pai do arquitecto Miguel Durán Salgado.

Seguramente a rama principal dos Labora procede de San Martiño de Andeiro e de San Lourenzo de Meixigo: Fernando, Xosé, Xoán e Xulián Labora y España fixeron provisión de nobreza na “Sala de los Hijosdalgo de la Real Chancillería de Valladolid”.

Durante a guerra de independencia aloxaronse neste pazo os Mariscales napoleónicos Soult e Ney, cando ían na persecución do xeneral inglés Sir John Moore: nel deixaron o seu diario de campaña que hoxe está no museo militar de Zaragoza.

Descripción da pedra armeira:
-Ornamentación externa: No centro exterior da pedra armeira aparece esculpido un fermoso helmo ou casco. Debuxa un enreixado (peza para protexer os ollos) móbil chamado viseira. Cubrindo o pescozo describe unha chapa de metal ou gola. Na linguaxe heráldica o helmo simboliza a un fidalgo antiguo. O helmo aparece ornamentado cun penacho de plumas que se adoitaban colorear cós esmaltes do escudo. Ao redor da pedra armeira partida aparecen os lambrequíns: cintas que se enroscan (coma roios) e que incluso saen de detrás da celada e colgan polas beiras. A orixe destas cintas atópase nas capas que levaban os cabaleiros medievais por enriba das armaduras para protexérense da calor do sol: despois das batallas convertíanse en tiras e xiróan. Cando se extende o seu uso, esquécese tamén esa orixe e adoptaranse formas variadas dependendo da moda.


Pedra armeira do Pazo de Sobrecarreira, segundo Ramón Boga Moscoso

Descripción do brasonamento do escudo e apelidos
Na pedra armeira do pazo de Sobrecarreira debúxanse as armas dos Loriga e Labora. Así, podemos contemplar un escudo partido que por armas trae: 1º.-En campo de azur, dous leóns rampantes, de ouro e afrontados; no xefe, unha flor de lis de prata. 2º.-En campo de azur, tres roeis de ouro, prolongados polos extremos alto e baixo, ben ordenados.

Pedra armeira do Pazo de Sobrecarreira segundo versión de Ramón Boga Moscoso

Fonte do Drozo. Santa María de Cambre

A fermosa Fonte do Drozo, situada na parroquia de Santa María de Cambre, hoxe metida nun burato despois dunha irregular "restauración", é unha senlleira fonte á que non lle podemos atribuir unha datación fiable. Sen embargo, a partir de diversas fontes, podemos inferir que xa foi un manancial aproveitado polas romanos para abastecer de auga á "Villa romana", atopada en Cambre hai xa uns cantos anos. Nun dos arranxos realizados en datas incertas durante o século XX, os veciños cóntanme que por alí aparecían ladrillos semellantes aos das canalizacións do balneum musealizado en Cambre. Do que sí podemos estar seguros é que a Fonte foi reutilizada polos monxes do Priorado de Santa María para fornecer as dependencias monacais. Podemos aventurar que os monxes trasladaban a auga desde esta fonte aproveitando as mesmas canalizacións, os mesmos acueductos... Incluso sabemos que tamén reaproveitaron as letrinas romanas para as súas dependencias.



En canto á estrutura arquitectónica da Fonte do Drozo, a fronte divídese en tres partes ben diferenciadas: a pía de perpiaño onde verque o cano que está no centro doutro gran perpiaño; a continuación outro perpiaño máis no que sobresae en baixorelevo a pedra armeira de San Martiño Pinario. Para rematar, unha peza pétrea a xeito de tapa que sobresae cunha moldura de listel. Na esquerda, unha columna a xeito de bocel fai as veces de repousa-selas.

O elemento máis interesante do conxunto, sen lugar a dúbidas, é a pedra armeira de San Martiño, labrada na parte superior, pouco antes da cornixa. Desenvólvese debuxando o piñeiro e as vieiras propias do Mosteiro, levando no timbre o capelo ou sombreiro de á ancha e copa baixa, gornecido de cordóns entrelazados no alto con tres borlas cadanseu. Todo o conxunto está bordeado por un cordón, siño propio da dignidade de "prior", neste caso do Prior de Cambre. Este feito denota o coñecemento das leises da heráldica por parte dos canteiros que esculpiron este curioso exemplar da heráldica cambresa.


Fotografías de Ramón Boga Moscoso

sábado, 2 de marzo de 2013

Os muíños de marea da Barcala

Xusto na desembocadura do río Mero asentábase este espectacular muíño hoxe en día lamentablemente destruido. Os diversos arranxos ao longo da segunda metade do século XX e a canalización do río Mero nesta zona acabaron cos senlleira imaxe deste poderoso muíño. O último foi a destrución da presa que almacenaba a auga encargada de mover as rodas do muíño.

As aceas da Barcala pódense datar con seguridade na segunda metade do século XVI, segundo noticias indirectas. O certo é que a primeira documentación fidedigna procede do Catastro do Marqués da Ensenada (1752) onde se describe a "Casa llamada de las Azeñas", que contaba con doce rodas de muíño e cuia propiedade ostentaba o Marqués de Cañizares, residente na cidade de Zaragoza. Ao mesmo tempo tamén se especifica que o muíño "muele con las mareas la mitad del año y la regulan en cinco mil reales de utilidad". No século XIX tan só traballaban continuamente tres desas rodas.

Este noutrora espléndido lugar foi escenario de continuados pleitos: pola pesca do reo (concesión propiedade dos monxes de Cambre), realizábanse caneiros, extraíase area... As liortas entre o Concello de A Coruña e o Mosteiro de Cambre foron continuas. A cuestión que se plantexaba era a seguinte: a quen pertencía a xurisdicción das augas do río Mero no esteiro do Burgo-Temple? Os monxes consideraban que eles tiñan a potestade para explotar tanto os muíños como a pesca; pola contra, o Concello coruñés mantiña que ninguén debía detentar en exclusiva a xurisdicción ou dereitos de explotación nas zonas costeiras ata onde chegaba a auga do mar.

No século XIX a Acea de marea da Barcala seguía pertencendo ao Marqués de Cañizares, denominándose como "Hazeñas del Burgo", sitas no río de Cambre (río Mero), "que son las que se hallan a la parte del lugar de Barcala". Aínda arrivaban os barcos nas mareas vivas, tanto para extraer area como para transportar o gran e a fariña, sobre todo diante do lamentable estado das rutas terrestres pola zona: "...sin estorbo ni obstáculo que impida la navegación de los barcos de transporte que con las mareas van y vienen a los molinos del Sr. Marqués..."

Como dicía antes, a Acea da Barcala emprazáse (o pouco ou nada que queda dela) no esteiro do río Mero, case na mesma desembocadura. A infraestrutura exterior constaba dunha presa con varias comportas así coma o edificio do muíño ou acea con vivenda engadida.


Debuxo das Aceñas da Barcala segundo unha fotografía de principios do século XX. Versión de Ramón Boga

Para que entrase a auga na presa ao subir a marea, os seus muros levaban aberturas con comportas de entrada. Outras comportas de saída da auga acumulada na presa conducíana aos mecanismos de rotación do muíó, que funcionaba, a partir de aquí, de maneira semellante aos  muíños de río. Debido ao número de pezas de moer estamos diante, sen dúbida, da Acea de marea máis grande documentada en Galicia.

viernes, 1 de marzo de 2013

Sobre unha cruz cumial en Sigrás

Hai uns anos, a Deputación da Coruña acometeu unhas discutidas obras de rehabilitación do Adro da Igrexa de Santiago de Sigrás, importante enclave no itinerario do Camiño Inglés ou de Faro: trátase dun complexo hospital-igresario de dilatada historia dentro das peregrinacións a Compostela. 


A cruz de Sigrás pouco despois de ser atopada 

Esta rehabilitación acometeuse sin un preceptivo seguimento arqueolóxico, necesario sen dúbida debido á importancia do lugar. Sendo así as cousas o único seguimento foi realizado por min con continuadas visitas ás obras. Documentamos un gran forno, letrinas públicas... Todo esto perdido irremediablemente.

Aínda así atopamos unha cruz cumial de granito moi ben traballada que puidemos salvar da desfeita. Había xa tempo que me andaba na cabeza a existencia desa cruz, pois don Ángel del Castillo deixara, a principios do século XX, a seguinte anotación despois das súas andanzas por Sigrás: "Una cruz de palmas cortada por un aro, que antes se levantaba sobre el piñón de la nave está en el cementerio" (Ángel del Castillo, "Igleisa de Santiago de Sigrás". Boletín da R.A.G Núm. 85, 1 xullo 1914.)


Esquema da cruz cumial de Sigrás. Debuxo de Ramón Boga

Cando chegamos alí,  atopamos esta fermosa cruz cumial no medio dos escombros. Efectivamente,  tratábase sen lugar a dúbidas da cruz da que falaba Ángel del Castillo. Así comezou a historia da recuperación do esquecemento da cruz que dormitaba reutilizada no escondrixo do semiabandonado cemiterio vello.

Trátase dunha cruz antefixa ou cumial, como ben demostra a base que formaba unha tosca pirámide invertida, feita para chantar posiblemente enriba dun Agnus Dei. As cruces antefixas ou cumiais son elementos que se erguían no piñón dos testeiros das naves das igrexas románicas, como ben se pode ollar en numerosos exemplos da nosa xeografía. Seguramente unha previa e necesaria prospeción arqueolóxica houbera proporcionado o achádego do Agnus Dei no que estaría chantada a cruz de Sigrás.

En Galicia, como dicía antes, era moi común que se colocaran este tipo de cruces como culminación da obra por parte dos canteiros medievais. Segundo Castelao, unha proba do respeto ás cruces cumiais é que cando na época do barroco (século XVII) se estiveron a reformar unha grande parte dos pequenos templos románicos, aínda que se perderan todas as pezas medievais, a última parte en perderse, e incluso das poucas que se conservaban, era sempre a cruz antefixa ou cumial.

Seguramente a cruz de Sigrás foi reaproveitada para unha tumba do cemiterio, logo da demolición da ábsida semicircular do presbiterio no século XIX, para sustituila pola ábsida cadrangular actual. A súa situación nunha tumba ou nun nicho fixo que pasara desapercibida para os ollos profanos pero non para a escrutadora mirada de Ángel del Castillo no ano 1914.

Debuxo da cruz cumial de Sigrás por Ramón Boga

A sinxela cruz ten catro brazos, de feitura que mistura dous tipos de cruz: a cruz ensanchada ou patada (de palmetas) inserida no círculo e a cruz céltico-bretona que se continúa no exterior do círculo.

A cruz palmeada inserida no círculo amosa catro brazos perfectamente simétricos en forma de cruz grega e ben proporcionados debuxados polo propio calado do círculo e por uns regos labrados que a delimitan perfectamente. Estes brazos estanse a continuar no exterior do circo por tres brazos (sen contar o que se introduciría no interior do Agnus Dei, que non amosa a labra delimitadora) de sección tronco prismática coa base máis estreita que o remate. Estes pequenos e derradeiros brazos da cruz tamén están adornados cun rego de forma cadrangular.

Esta descrición vale para as dúas caras, feito que demostra a súa función de cruz cumial, pois debía estar nun lugar ben visible para ser vista por ambas as dúas caras.

Simbólicamente a cruz  grega saindose do círculo mostra a pervivencia do círculo con forma de cruz ou disco solar cristianizado, se cadra unha derivación da estela céltico-británica, como pretende demostrar Castelao. A cruz debuxa os radios ceibos da roda que  é o nimbo luminoso que representa a divinidade solar. Por tanto esa cruz saíndose do círculo é o símbolo da orixe, en fin, a matriz xeneradora por antonomasia.


Situación actual da cruz de Sigrás no tímpano da porta sur da Igrexa de Santiago. Nun despiste pola nosa parte os obreiros mutilaron a parte para ser chantada. Dixeron que así quedaba mellor: casi nos da unha volta. Diante da pregunta: como cortastes esa parte?. Responderon impasibles e sen ningunha maldade: coa reverbadora. Boa e lóxica constestación.