Páginas

jueves, 28 de febrero de 2013

Sobre a arte románica

Hoxe apetéceme falar sobre a arte románica metres admiro por enésima vez a igrexa de Santa María que teño en fronte. Parto da base de que toda obra artística manifesta un siginificado oculto mais ou menos manifesto; nas artes plásticas, efectivamente, non se pode expresar directamente unha idea, un sentimento ou un estado de ánimo, por iso o significado psíquico só se pode percibir por medio de significantes corporais debido a isa carencia do xeito normal da comunicación que é o signo lingüístico.

Na arte románica emprégase a "abstración realista" para a consecución do obxectivo simbólico: normalmente as figuras humáns de Cristo, a Virxe ou os apóstolos nas que o predominio do feito simbólico estase a manifestar a través das liñas esaxeradas, deformadas. Pero tamén se emprega a "abstración non figurativa" que consiste en facer resaltar unhas partes en detrimento doutras (por exemplo o sol reducido a línea dentada).

A arte románica, como "catecismo alfabetizador e moralizador" do pobo medieval, convírtese no medio de inscribir na pedra o que non se pode escribir doutro xeito polo descoñecemento xeral e o analfabetismo. Así esta arte, chea de cristos, virxes, anxos, profetas..., destíñabase a todos. Sendo o soporte a pedra, a gramática e a ortografía teñen necesariamente que cambiar: o signo lingüístico sustitúese  polo símbolo pétreo (realista ou non figurativo) que estará ao alcance de todos os individuos.

O sentido destas reflesións é intentar desvelar os diferentes significados que se esconden tras as simboloxías románicas, cuio carácter fundamental leva á esencia cosmolóxica: en toda manifestación desta arte inténtase traducir unha realidade que rebasa ou traspasa os límites da realidade humana, unha realidade trascendente. 

Si no románico o artista debe buscar unha forma perfecta que responda aos arquetipos sagrados, os seus símbolos expresan un contido obxectivo de leises que expresan significados universais. Por tanto o carácter esencial da arte sacra debe ser o seu "ser simbólico": traduce a correspondencia que hai entre os diversos ordes da realidade; expresa o ámbito visible por medio do invisible e pretende conducir ao home a ese outro mundo.

A intención desta reflexión é o achegamento cara a un mellor coñecemento dunha realidade social de comunicación que hoxe está prácticamente esquecida. 

Un exemplo:


Escaques ou axedrezado e follas de acanto na moldura externa da arquivolta externa de Santa María de Cambre. 

A liña xaquelada simboliza a luz solar na arte románica. Normalmente os adornos xeométricos simbolizan a LUZ DIVIÑA, de xeito que este motivo xaquelado en tresbolillo ven a simbolizar a luz do sol que cos seus raios o ilumina todo. A imposta de follas de acanto é un motivo floral que leva a un significado simbólico de caducidade, de caducidade de toda beleza terrenal, que pola contra só pode durar na Xerusalén celeste (mundo sensible-mundo das ideas; devir-eternidade...) Afondando neste simbolismo, as frores son tamén o símbolo do "apetito carnal" e de todo o ámbito do erotismo.


miércoles, 27 de febrero de 2013

Un paseo pola historia da Feira de Cambre



Breve historia

Posiblemente a orixe da Feira de Cambre afunde as súas raíces nos séculos centrais da Idade Media. Sen embargo, as primeiras noticias documentadas proceden do século XVIII do Catastro do Marqués da Ensenada (1752). Neses anos as actividades propias da Feira consistían no mercadeo co gando vacún, ferramentas, panos e outros tecidos de uso cotián. A Feira xa estaba fiscalizada: o Estado alugaba o cobro de arbitrios sobre as transacións por medio dun imposto chamado “encabezado”. Todo o Campo estaba cuberto de castiñeiros e os monxes do priorado de Santa María beneficiábanse dos froitos destas árbores.




Vista do Souto de Cambre onde se celebran as Feiras e as Festas. Á dereita pódese ver a entrada do cemiterio vello. Chama a atención o grosor dos castiñeiros en ralación ó home que chama as vacas.
 
Souto de Cambre” debuxo a lápiz dobre papel. 19 de agosto de 1849

Os Castiñeiros eran nestas datas “centenarios”, o que permite colexir que a feira xa se celebraba nos séculos XVI ou incluso no século XV. A extensión do Campo tamén debía ser meirande: topónimos como Toural ou Socampo lévannos a plantexar esa hipótese.

No ano 1804 publícase o libro Descripción económica del Reyno de Galicia, de Lucas Labrada. Referíndose aos productos  que se vendían  nela, sinala: “concurren el ganado bacuno, caballar y pan cocido”.




Escena das festas patronais en Agosto. Pódense ollar ó fondo os enormes castiñeiros. No primeiro termo incluso e distinguen uns gaiteiros. Pola data non sería aventurado colexir que coincidira ca Feira.

Fiesta de Cambre” debuxo a lápiz dobre papel. 19 de agosto de 1849

Nun pleito do ano 1811 entre o priorado de cambre e o canónigo da Colexiata de Santa María do Campo da Coruña, constátase que a Feira celébrase un día só ao mes (o terceiro domingo), e tamén nos conta que os monxes eran os donos exclusivos dos castiñeiros.

Seguramente a partires do ano 1836 (data de invención dos actuais concellos) o Campo da Feira e a súa fiscalización, engadindo os castiñeiros e as castañas, pasou a pertencer ao recén creado Concello, de xeito que cos beneficios que se obtiñan cubríanse boa parte das necesidades financieiras municipais.
Durante o ano 1860 prodúcese a Desamortizaón (venta e pública poxa) do Campo da Feira. Nos informes periciais descríbese polo miudo o souto cos seus lindes, o tipo de árbores, as súas medidas… Tamén se indica que a feira tiña lugar xa dous días no  mes. O Campo posuía oitenta castiñeiros de diferentes idades; medían de diámetro entre sete e trinta pulgadas e, para a altura, acadaban entre tres e cinco varas castellanas. O Campo vendeuse finalmente na cantidade de corenta mil reais, sendo a cantidade de saída de vinte mil.

O Alcalde e concelleiros opuxéronse frontalmente a esa venda, argumentando que no terreno vendíanse loros e paxes, así como outros moitos enseres propios e necesarios para a labranza e, por si o argumento non tivera moita forza, o Alcalde engade: “Que la Feria de Cambre y por tanto el terreno en cuestión es de las mas antiguas del Reyno de Galicia…”

O libro “Portafolios” de Pedro Ferrer, publicado no ano 1904, aporta novos e fecundos datos: indícase que, ademais do numeroso gando vacún, acudían á feira “vendedores de telas y bisutería barata” e tamén o indispensable “ciego canturreador y pregonero de historias espeluznantes y de milagros estupendos”.

Unha imaxe vale máis que mil palabras, reza o tópico; non obstante, non por tópico deixa de ser menos certo. As fotografías que se foron atopando de finais do século XIX amosan un valor extraordinario tanto no sentido documental como pola calidade estética. O Campo, nesas datas, deixou de ser Souto, dato aportado por estas imaxes, posto que amosan os plátanos recén plantados: estamos no ano 1895. En efecto, arredor dos anos 1892 ou 1983, sendo alcalde de Cambre Miguel Molezún, acometeuse a tala da meirande parte dos centenarios castiñeiros e a plantación dos plátanos, de xeito que a fisonomía do Campo da Feira cambiou definitivamente.

A historia da Feira e do seu campo no séuclo XX non foi excesivamente alterada nin estivo a sufrir excesivos cambios ata a década de 1980 na que se procedeu á pavimentación de todo o recinto. A década de 1970 supuxo unha puñalada de morte para a Feira: as normativas vixentes prohibiron a venta de gando en espazos abertos. A partires destas datas, as Feiras que sobreviviron convertíronse en mercados.

Aínda así este paradigmático espazo viu pasar os principais acontecementos do século XX, ademais de ser o punto de encontro dos habitantes de toda a Comarca. Mitins políticos, actividades lúdico-deportivas, procesións, feitos luctuosos, desfiles militares, verbenas…; a historia do Campo da Feira é porén e tamén a historia de noso.

Organización dunha Feira en Cambre a mediados do século XX.

Paralela á estrada chamada Carreira e ao lugar onde estaba o cemiterio vello, situábase unha liña de postos para a venda de diversos produtos. Enfrontados a estes postos, deixando un espazo amplo no medio, na outra beira da estrada xa no Campo da Feira, unha liña máis de postos. A continuación, con dirección ao norte e respetando a devandita liña paralela, ubicábanse fiadas de  bois, entre os que se atopaban os bois grandes pero flacos que logo se engordaban para a súa venda. Estes  bois eran coñecidos polo alcume de “Bois de barco”, posto que xeralmente saían embarcados dende o peirao de Betanzos; a continuación os tenreiros aparellados para bois; máis abaixo os tenreiros máis cativos e, por último, as manadas de tenreiros, lindando xa cos muros da taberna de Porto. Estas manadas, que tamén xeralmente procedían de Betanzos (ata cen tenreiros todos xuntos), viñan cunhas plantillas porque tiñan o pé moi gastado. Eran as chamadas manadas de “regatóns” coñecidos así porque con eses era cos que se adoptaba regatear. Moitos ían á báscula municipal, posto que os compradores querían saber o seu peso.

Nun lateral da Feira do gando emplazábanse os postos para a venda do pan (procedente de Carral), a venda dos tecidos que procedían maiormente de Betanzos e as ferramentas así como outros moitos aperos de labranza.

Onde hoxe se sitúa o parque dos pequerrechos, antes colocábanse as chamadas “vacas secas” e os tenreiros para carne. Cara ao lugar onde actualmente está a Casa do Concello, ubicábanse as vacas preñadas e as paridas (o lugar denominábase “Campo das Vacas” ). Neste punto tamén había unha edificación municipal que contiña a báscula para pesar o gando. Estes terrenos estaban limitados cara ao oeste (preto do Castro) por unha plantación de nogais e pola corredoira do Rocón. O Cruceiro estaba precisamente no inicio desa vella corredoira, na parte dereita da sé actual do Concello.

Toda a parte de abaixo do Campo da Feira, lindando coa estrada do Temple, que hoxe se emprega exclusivamente como aparcamento, era o lugar onde se situaba o gando porcino (Campo dos Cochos).

Os produtos da horta, por último, vendíanse na praza onde está a fonte:  ovos, galiñas, coellos, verduras…

O Concello subastaba os arbitrios da Feira, engadindo todos os postos e o gando. Aos vendedores só se lles cobraba o consumo, o que se vendía ( era un imposto coñecido co nome de “alcabela”). O contratista dos arbitrios (o concesionario) cobraba tamén segundo o tamaño dos postos, que tamén se adotiaban regatear. Así na década de 1950, segundo información de Manuel Fuentes Ramos, cobrábase cinco pesetas por un posto de tres metros.

Os postos eran prefabricados e nestes anos unha familia ocupábase de montalos na víspera: eran os pais dos sogros de Coché, a saber, o señor  Pepe de Meangos. Estes poñían as tarimas segundo os tiñan contratados, así como unhas crucetas de madeira para o tellado: os toldos colocábamos os tendeiros. Poucos había que non conseguiran  posto. Como curiosidade, había sempre o correspondente cego sobre todo na década de 1930, a partires dos anos corenta deixaron de acudir.

O Petroglifo da Pena da Nosa Señora

A Pena da Nosa Señora atópase ubicada nas últimas estribacións do pequeno esppolón dos Montes da Pega, no antigo camiño do Temple A Cambre (500 metros ao NW do Castro de Cambre en liña recta). O lugar é estratéxico posto que desde alí pódese contemplar todo o esteiro do río Mero e o comezo da Ría do Burgo-Temple.

Os petroglifos preséntanse nunha gran laxe de pedra con dous paneis de cazoliñas ben diferenciados, unha depresión ("cama da Nosa Señora") e dúas letras maiúsculas de época moderna. Os dous paneis de cazoliñas, consideradas por algúns investigadores "mesas de ofrenda", amosan, o primeiro, catro coviñas; o segundo, nove. Tamén aparece unha liña curvada: trátase, segundo a crenza popular, da "ferradura do cabalo da burra da Virxe".


Croquis da "cama da Virxe". Versión de Ramón Boga

Cara ao oeste a laxe debuxa unha lixeira depresión que se vai alongando cara ao norte: é a denominada "Cama da Santa", cama na que é posible que noutras épocas se realizaran ritos de fecundidade, feito ben documentado en lugares semellantes noutros lugares de Galicia. É así que a depresión vaise estreitando  de xeito que toma a forma dos hombreiros e da cabeza.

Case medio metro ao leste da cabeceira da cama aparecen unhas liñas gravadas que semellan dúas maiúsculas xuspapostas formando un "C" e un "R", con dúas liñas horizontais enriba de cadansúa. A súa situación ao carón do camiño antogo fai sospeitas que delimiten e signifiquen "Camiño Real". No extremo do norleste aparecen dous paneis ou superficies horizontais: na meirande pódese ollar unha cazoliña de case dezaseis centímetros de diámetro á beira doustas oito cazoliñas moito mais cativas. No segundo panel, tres cazoliñas moi pequerrecchas, acompañan a outra meirande que acada os dez centímetros de diámetro.


Croquis das letras maiúsculas e da "ferradura da burra". Versión de Ramón Boga

Os veciños de Cambre coñecen perfectamente todo o relativo á Pena: as inscricións, a cama da Virxe, falan dunha taza, dun pote..., ou dos "pociños" onde os señoritos botaban os cartos que logo eles mesmos recollían. A forma antropomorfa é o lugar onde a Virxe deitouse a descansar, a liña curva é a pegada da burra da Virxe, que quedou para sempre impresa na rocha en forma de ferradura.

Outras versións moi semellantes contan que na Pena debúxase o corpo dunha muller (a Virxe) durmindo. Falan tamén da pisada da burra (só se ve si a pedra está limpa), os buratos da taza de comer (as cazoliñas) como si fose un fregadeiro e incluso un rego do trigo para "comer o pan" que é unha liña tallada na pedra.


Panel de cazoliñas 1. Debuxo versión de Ramón Boga

Por estas paraxes, hoxe moi degradadas, segundo os nosos informadores, pasou a Virxe coa súa burra e quedou a durmir na Pena, deixando aí a súa pegada para sempre.


Panel de cazoliñas 1. Debuxo versión de Ramón Boga 

Cambre, como parroquia eminentemente rural, dependía parar as colleitas, das axeitadas condicións climáticas e por tanto da vontade do/s seu/s deus/es. Deste xeito, nos períodos de longa seca, organizábanse procesións "rogativas" ata a Pena da Nosa Señora para tentar influir no clima. Normalmente as procesións ían encabezadas pola imaxe da Virxe que se está a gardar na parroquial de Santa María. Ás veces xuntábanse varias parroquias en procesión, cadansúa co seu santo patronal, ou aqueloutro que tivera máis poder sobrenatural.

Algúns veciños aínda lembran a que foi a derradeira procesión rogativa: cando a comitiva procesional voltaba da Pena, caeu unha tromba de auga tan grande que todos os peticionarios (engadindo ao cura) fuxiron deixando á Virxe desamparada no medio dun descampado.


Fotografía da Pena da Nosa Señora

A Pena da Nosa Señora atópase á beira do Camiño Real, como parece indicar a inscrición "CR" e amosa tamén moitos dos tópicos dos camiños moi transitados, sobre todo dos camiños de peregrinación. A Pena narra a viaxe da Virxe, de San Xosé (aínda que aquí  nunca se nomée) e do seu medio de transporte (a burra): ao seu paso toda a xente pechaba as portas, descoñecedoras da identidade da viaxeira, de xeito que Deus, como castigo, impuña determinadas penas (cidades asolagadas, desgrazas de diversa índole, etc). Moitas veces, como é o caso, a burra deixaba o seu berce mediante a ferradura na pedra e incluso adoitaba quedar a impronta da Virxe durminte. A ferradura e/ou a pegada da Virxe danse constantemente nos camiños de peregrinación.



Como dicía antes, a Pena está á beira do Camiño Real que se dirixía a Cambre, sendo o último fito desde onde xa se vislumbraba o mosteiro coa advocación a Santa María. Estamos pois diante dun dos poucos vestixios que permanecen do camiño medieval que (despois de separarse do Camiño Real a Castela) baixaba dos montes da Pega, cruzaba o rueiro de Amil e chegaba ao Campo da Feira e ao Mosteiro de Santa María.

Todo isto (a Pena e a advocación mariana) débese relacionar coa Hidra de Xerusaklén, reliquia que se está a gardar neste templo de peregrinación (a igrexa de Santa María de Cambre posúe xirola ou deambulatorio): considerábase un dos receptáculos ou vasos nos que, por intercesión precisamente da Nosa Señora, Cristo converteu a auga en viño. En definitiva, a Virxe, aínda que non fai nin fixo milagres, contribuiu como nai de Deus, de maneira decisiva, coa súa intercesión ("Santa María roga por nós...") ou mediación diante da vontade diviña.

Chegado a este punto, e aínda recoñecendo a importancia de establecer a cronoloxía ou adscrición cronolóxico-cultural da Pena, este feito ten tan só unha importancia relativa dentro dos límites desta reflesxión, considerando o valor intrínseco e extrínseco que en todas as épocas tivo e ten para os veciños de Cambre cvomo referente simbólico que debe ser protexido e conservado.


O número cinco: referente simbólico do Templo de Cambre

Quero hoxe reseñar unhas cuantas reflexións sobre a igrexa románica de Santa María de Cambre, reflexións sobre a súa simboloxía matemática.

Efectivamente, as cousas posúen unha estrutura matemática, de xeito que a Idea e o Número son a única realidade auténtica das cousas, de acordo cun modelo creado por Deus. Desde este punto de partida a matemática explica precisamente a harmonía dos templos románicos, que deriva da xeometría platónica transmitida aos mestres construtores das catedrais.

Como veremos, o templo cristiano, como é o caso de Santa María de Cambre, no só se conforma como unha imaxe "realista" do cosmos, senón tamén como unha imaxe "estrutural": representa e reporduce a estrutura íntima e matemática do universo. é a forma cadrada da Xerusalén Celeste, relacionada directamente coa arquitectura dos templos. Na igrexa de Cambre pódese apreciar toda esa simboloxía, coa sabia combinación entre todos os elementos mencionados, o que sen dúbida conferiralle harmonía e proporción.


Ventá esquerda da fachada occidental con cinco arquiños de ferradura

Os dous números que xogan o papel máis destacado na elaboración da harmonía e da proporción entre as partes dun edificio relixioso románico son a Década (Tetraktys ou suma dos catro primeiros números, 1 + 2 + 3 + 4 = 10) e a Péntada. A Péntada  (chamada polos pitagóricos  "número nupcial") é o arquetipo ou paradigma abstracto da xeración: resulta de xuntar o primeiro número par -matriz- co primeiro número impar -varón- (2 + 3 = 5). Así, o Cinco é o número da harmonía e da beleza, en particular do corpo humano. Por iso, si o vencellamos á construción do templo (que corresponde ao home deitado cos brazos en cruz) entenderemos rápidamente as correspondencias simbólicas co número nupcial. O Cinco é así o número do amor creador e da beleza harmoniosa e viva, conferida por Deus creador ao universo por medio do home.

Na igrexa de Santa María de Cambre o número cinco aparece continua e repetidamente, conxugado cos números tres e oito (número de Cristo): cinco ábsidas, cinco tramos da nave central, cinco asrcos nas ventanas, oito columnas cilíndricas da ábsida central, oito óculos raiais, oito piares da nave central, etc

martes, 26 de febrero de 2013

Baixorelevo da Virxe co Neno

Atópase na nave lateral esquerda da igrexa de Santa María de Cambre, aproveitando a porta tapiada do antigo cemiterio que lle fai de fornacina.

Como sabemos, a escultura na arte románica atópase ao servizo da arquitectura. Nas imaxes románicas non se pretende representar as cousas tal e como as vemos: o importante é a "esencia inmutable" das cousas, non a súa apariencia terrenal. As imaxes deben representar o mundo invisible do máis alá para que se aprecie a presenza do diviño, da virtude e do pecado, así coma do mal. É así que as imaxes sempre esconden un símbolo, unha alegoría ou unha lenda para conmover e emocionar: o home debe obter unha ensinanza e unha instrución moral.


A talla que nos ocupa está fóra do seu lugar orixinal; supoñemos que foi feita para estar enfoscada nun tímpano hoxe desaparecido. Posiblemente fose tallada no último terzo do século XII. A virxe aparece sentada sostendo no colo o neno, que está a bendecir coa man dereita e coa esquerda sostén un libro. O escultor preocupouse moito por establecer a filiación: a cara do neno é semellante á da Virxe.

No románico, tano a pintura como a escultura constitúen compoñentes esenciais da arquitectura. A peza na que se esculpe esta talla parece estar deseñada para ocupar un lugar preponderante seguindo dous elementos básicos: o primeiro termo e a xerarquía. O primeiro sinala a preponderancia do persoeiro representado, de xeito que aparecen de maior ou menor tamaño en virtude da súa importancia dentro da corte celestial. Figura en repouso (idea de inmutabilidade), hieratismo e alonxamento.

O simbolismo deste baixorelevo parece aludir á "Majestas Domini": aparece en Maxestade, hierática, entronizada, de xeito que tamén serve de trono ao Neno.

Ao redor do topónimo "Cambre"

Existen varias interpretacións ao redor do significado do topónimo "Cambre". Vou a elaborar un pequeno resumo de todas elas, sendo conscente de que me estou a mover polas augas procelosas e esquivas da cencia lingüística.

As primeiras noticias documentais sobre o topónimo que nos ocupan falan de "Calambre" ou de "Calamber", tanto no documento de fundación do Mosteiro de Santa María coma nos arquivos do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, ambos os dous datados no século X.


Unha vista da croa do Castro de Cambre. Fotografía de Ramón Boga Moscoso

Parece claro que o topónimo desenvólvese a través do primeiro término "calam-", "cam-" e a terminación "-bre" ou "-ber". Para os lingüistas de tendencia céltica, a base "cal-o", moi frecuente no ámbito da lingua celta, refírese a unha antiga divinidade prerromana, un teónimo de base solar, a saber, "o que está no alto". Dese xeito Cambre, Cambere ou Camber, serían formas sincopadas que equivaldrían a "Cam(a)-verus" ou a "Cam(o)-verus". Pero tamén existe a posibilidade de que "cal-", "-cal-o" e "camo" sexan formas reducidas do teónimo "Camal". Así "cama" sería unha divinidade guerreira cun compoñente solar vencellada ao outro mundo, aos mortos e, ocasionalmente, á curación e á fertilidade.

Outra posibilidade sería que "calam-" procedese do céltico "Kalamo", cana, colmo, Pero "Cam-b" ou "Com-b" pode significar tamén "cousa, curva, recodo".

Con respecto á terminación "-bre", "-ber", tamén existen varias posibilidades de interpretación, que resumo nos seguintes puntos:

1ª.-Son moi numerosos os nomes, especialmente os hidrónimos, que se basean no esquema B-R-B ou en G-R-G en toda Europa: refírense a divinidades das augas, da curación e do mundo subterráneo; acostuman posuir á vez unha connotación bélica e solar que as relaciona coa montaña e coa altura.

2ª.-Que "-bre" poida aludir ou significar río ou auga, e dicir, pode que proceda do término "awer".

3ª.-Que "-bre" ou "-ber" signifiquen "castro, monte, altura".

A miña interpretación do topónimo "Cambre" despréndese da análise do lugar como enclave arqueolóxico, tendo en conta a peculiar situación e as relacións espacio-temporais entre os diversos elementos que a particularizan: castro, xacemento romano, xacemento medieval, campo da feira... Outros elementos que se deben ter en conta son: lugar alto, dominante, paraxe chaira, e dicir, espazos abertos nun lugar central, como acontece neste caso.

Deste xeito, considerando que os topónimos en "-bre" proceden do indoeuropeo "veris" (que significa altura), no caso de Cambre considero que o primeiro elemento "cam-", sería o nome do deus, sacerdote ou princeps ao que está adicado ou ao que pertence o lugar (posiblemente un santuario celta). O cognomen "cam-" ou "cal-" equivaldría a "Calamus". Polo tanto o noso topónimo viría a significar, segundo a miña interpretación, lugar alto (fortaleza, castro, santuario...) do deus, príncipe ou sacerdote "Calamus".