Páginas

martes, 26 de febrero de 2013

Ao redor do topónimo "Cambre"

Existen varias interpretacións ao redor do significado do topónimo "Cambre". Vou a elaborar un pequeno resumo de todas elas, sendo conscente de que me estou a mover polas augas procelosas e esquivas da cencia lingüística.

As primeiras noticias documentais sobre o topónimo que nos ocupan falan de "Calambre" ou de "Calamber", tanto no documento de fundación do Mosteiro de Santa María coma nos arquivos do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, ambos os dous datados no século X.


Unha vista da croa do Castro de Cambre. Fotografía de Ramón Boga Moscoso

Parece claro que o topónimo desenvólvese a través do primeiro término "calam-", "cam-" e a terminación "-bre" ou "-ber". Para os lingüistas de tendencia céltica, a base "cal-o", moi frecuente no ámbito da lingua celta, refírese a unha antiga divinidade prerromana, un teónimo de base solar, a saber, "o que está no alto". Dese xeito Cambre, Cambere ou Camber, serían formas sincopadas que equivaldrían a "Cam(a)-verus" ou a "Cam(o)-verus". Pero tamén existe a posibilidade de que "cal-", "-cal-o" e "camo" sexan formas reducidas do teónimo "Camal". Así "cama" sería unha divinidade guerreira cun compoñente solar vencellada ao outro mundo, aos mortos e, ocasionalmente, á curación e á fertilidade.

Outra posibilidade sería que "calam-" procedese do céltico "Kalamo", cana, colmo, Pero "Cam-b" ou "Com-b" pode significar tamén "cousa, curva, recodo".

Con respecto á terminación "-bre", "-ber", tamén existen varias posibilidades de interpretación, que resumo nos seguintes puntos:

1ª.-Son moi numerosos os nomes, especialmente os hidrónimos, que se basean no esquema B-R-B ou en G-R-G en toda Europa: refírense a divinidades das augas, da curación e do mundo subterráneo; acostuman posuir á vez unha connotación bélica e solar que as relaciona coa montaña e coa altura.

2ª.-Que "-bre" poida aludir ou significar río ou auga, e dicir, pode que proceda do término "awer".

3ª.-Que "-bre" ou "-ber" signifiquen "castro, monte, altura".

A miña interpretación do topónimo "Cambre" despréndese da análise do lugar como enclave arqueolóxico, tendo en conta a peculiar situación e as relacións espacio-temporais entre os diversos elementos que a particularizan: castro, xacemento romano, xacemento medieval, campo da feira... Outros elementos que se deben ter en conta son: lugar alto, dominante, paraxe chaira, e dicir, espazos abertos nun lugar central, como acontece neste caso.

Deste xeito, considerando que os topónimos en "-bre" proceden do indoeuropeo "veris" (que significa altura), no caso de Cambre considero que o primeiro elemento "cam-", sería o nome do deus, sacerdote ou princeps ao que está adicado ou ao que pertence o lugar (posiblemente un santuario celta). O cognomen "cam-" ou "cal-" equivaldría a "Calamus". Polo tanto o noso topónimo viría a significar, segundo a miña interpretación, lugar alto (fortaleza, castro, santuario...) do deus, príncipe ou sacerdote "Calamus".

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario