Atópase na nave lateral esquerda da igrexa de Santa María de Cambre, aproveitando a porta tapiada do antigo cemiterio que lle fai de fornacina.
Como sabemos, a escultura na arte románica atópase ao servizo da arquitectura. Nas imaxes románicas non se pretende representar as cousas tal e como as vemos: o importante é a "esencia inmutable" das cousas, non a súa apariencia terrenal. As imaxes deben representar o mundo invisible do máis alá para que se aprecie a presenza do diviño, da virtude e do pecado, así coma do mal. É así que as imaxes sempre esconden un símbolo, unha alegoría ou unha lenda para conmover e emocionar: o home debe obter unha ensinanza e unha instrución moral.
A talla que nos ocupa está fóra do seu lugar orixinal; supoñemos que foi feita para estar enfoscada nun tímpano hoxe desaparecido. Posiblemente fose tallada no último terzo do século XII. A virxe aparece sentada sostendo no colo o neno, que está a bendecir coa man dereita e coa esquerda sostén un libro. O escultor preocupouse moito por establecer a filiación: a cara do neno é semellante á da Virxe.
No románico, tano a pintura como a escultura constitúen compoñentes esenciais da arquitectura. A peza na que se esculpe esta talla parece estar deseñada para ocupar un lugar preponderante seguindo dous elementos básicos: o primeiro termo e a xerarquía. O primeiro sinala a preponderancia do persoeiro representado, de xeito que aparecen de maior ou menor tamaño en virtude da súa importancia dentro da corte celestial. Figura en repouso (idea de inmutabilidade), hieratismo e alonxamento.
O simbolismo deste baixorelevo parece aludir á "Majestas Domini": aparece en Maxestade, hierática, entronizada, de xeito que tamén serve de trono ao Neno.
No hay comentarios:
Publicar un comentario