Páginas

martes, 5 de marzo de 2013

Fonte do Drozo. Santa María de Cambre

A fermosa Fonte do Drozo, situada na parroquia de Santa María de Cambre, hoxe metida nun burato despois dunha irregular "restauración", é unha senlleira fonte á que non lle podemos atribuir unha datación fiable. Sen embargo, a partir de diversas fontes, podemos inferir que xa foi un manancial aproveitado polas romanos para abastecer de auga á "Villa romana", atopada en Cambre hai xa uns cantos anos. Nun dos arranxos realizados en datas incertas durante o século XX, os veciños cóntanme que por alí aparecían ladrillos semellantes aos das canalizacións do balneum musealizado en Cambre. Do que sí podemos estar seguros é que a Fonte foi reutilizada polos monxes do Priorado de Santa María para fornecer as dependencias monacais. Podemos aventurar que os monxes trasladaban a auga desde esta fonte aproveitando as mesmas canalizacións, os mesmos acueductos... Incluso sabemos que tamén reaproveitaron as letrinas romanas para as súas dependencias.



En canto á estrutura arquitectónica da Fonte do Drozo, a fronte divídese en tres partes ben diferenciadas: a pía de perpiaño onde verque o cano que está no centro doutro gran perpiaño; a continuación outro perpiaño máis no que sobresae en baixorelevo a pedra armeira de San Martiño Pinario. Para rematar, unha peza pétrea a xeito de tapa que sobresae cunha moldura de listel. Na esquerda, unha columna a xeito de bocel fai as veces de repousa-selas.

O elemento máis interesante do conxunto, sen lugar a dúbidas, é a pedra armeira de San Martiño, labrada na parte superior, pouco antes da cornixa. Desenvólvese debuxando o piñeiro e as vieiras propias do Mosteiro, levando no timbre o capelo ou sombreiro de á ancha e copa baixa, gornecido de cordóns entrelazados no alto con tres borlas cadanseu. Todo o conxunto está bordeado por un cordón, siño propio da dignidade de "prior", neste caso do Prior de Cambre. Este feito denota o coñecemento das leises da heráldica por parte dos canteiros que esculpiron este curioso exemplar da heráldica cambresa.


Fotografías de Ramón Boga Moscoso

No hay comentarios:

Publicar un comentario