Páginas

miércoles, 27 de febrero de 2013

Un paseo pola historia da Feira de Cambre



Breve historia

Posiblemente a orixe da Feira de Cambre afunde as súas raíces nos séculos centrais da Idade Media. Sen embargo, as primeiras noticias documentadas proceden do século XVIII do Catastro do Marqués da Ensenada (1752). Neses anos as actividades propias da Feira consistían no mercadeo co gando vacún, ferramentas, panos e outros tecidos de uso cotián. A Feira xa estaba fiscalizada: o Estado alugaba o cobro de arbitrios sobre as transacións por medio dun imposto chamado “encabezado”. Todo o Campo estaba cuberto de castiñeiros e os monxes do priorado de Santa María beneficiábanse dos froitos destas árbores.




Vista do Souto de Cambre onde se celebran as Feiras e as Festas. Á dereita pódese ver a entrada do cemiterio vello. Chama a atención o grosor dos castiñeiros en ralación ó home que chama as vacas.
 
Souto de Cambre” debuxo a lápiz dobre papel. 19 de agosto de 1849

Os Castiñeiros eran nestas datas “centenarios”, o que permite colexir que a feira xa se celebraba nos séculos XVI ou incluso no século XV. A extensión do Campo tamén debía ser meirande: topónimos como Toural ou Socampo lévannos a plantexar esa hipótese.

No ano 1804 publícase o libro Descripción económica del Reyno de Galicia, de Lucas Labrada. Referíndose aos productos  que se vendían  nela, sinala: “concurren el ganado bacuno, caballar y pan cocido”.




Escena das festas patronais en Agosto. Pódense ollar ó fondo os enormes castiñeiros. No primeiro termo incluso e distinguen uns gaiteiros. Pola data non sería aventurado colexir que coincidira ca Feira.

Fiesta de Cambre” debuxo a lápiz dobre papel. 19 de agosto de 1849

Nun pleito do ano 1811 entre o priorado de cambre e o canónigo da Colexiata de Santa María do Campo da Coruña, constátase que a Feira celébrase un día só ao mes (o terceiro domingo), e tamén nos conta que os monxes eran os donos exclusivos dos castiñeiros.

Seguramente a partires do ano 1836 (data de invención dos actuais concellos) o Campo da Feira e a súa fiscalización, engadindo os castiñeiros e as castañas, pasou a pertencer ao recén creado Concello, de xeito que cos beneficios que se obtiñan cubríanse boa parte das necesidades financieiras municipais.
Durante o ano 1860 prodúcese a Desamortizaón (venta e pública poxa) do Campo da Feira. Nos informes periciais descríbese polo miudo o souto cos seus lindes, o tipo de árbores, as súas medidas… Tamén se indica que a feira tiña lugar xa dous días no  mes. O Campo posuía oitenta castiñeiros de diferentes idades; medían de diámetro entre sete e trinta pulgadas e, para a altura, acadaban entre tres e cinco varas castellanas. O Campo vendeuse finalmente na cantidade de corenta mil reais, sendo a cantidade de saída de vinte mil.

O Alcalde e concelleiros opuxéronse frontalmente a esa venda, argumentando que no terreno vendíanse loros e paxes, así como outros moitos enseres propios e necesarios para a labranza e, por si o argumento non tivera moita forza, o Alcalde engade: “Que la Feria de Cambre y por tanto el terreno en cuestión es de las mas antiguas del Reyno de Galicia…”

O libro “Portafolios” de Pedro Ferrer, publicado no ano 1904, aporta novos e fecundos datos: indícase que, ademais do numeroso gando vacún, acudían á feira “vendedores de telas y bisutería barata” e tamén o indispensable “ciego canturreador y pregonero de historias espeluznantes y de milagros estupendos”.

Unha imaxe vale máis que mil palabras, reza o tópico; non obstante, non por tópico deixa de ser menos certo. As fotografías que se foron atopando de finais do século XIX amosan un valor extraordinario tanto no sentido documental como pola calidade estética. O Campo, nesas datas, deixou de ser Souto, dato aportado por estas imaxes, posto que amosan os plátanos recén plantados: estamos no ano 1895. En efecto, arredor dos anos 1892 ou 1983, sendo alcalde de Cambre Miguel Molezún, acometeuse a tala da meirande parte dos centenarios castiñeiros e a plantación dos plátanos, de xeito que a fisonomía do Campo da Feira cambiou definitivamente.

A historia da Feira e do seu campo no séuclo XX non foi excesivamente alterada nin estivo a sufrir excesivos cambios ata a década de 1980 na que se procedeu á pavimentación de todo o recinto. A década de 1970 supuxo unha puñalada de morte para a Feira: as normativas vixentes prohibiron a venta de gando en espazos abertos. A partires destas datas, as Feiras que sobreviviron convertíronse en mercados.

Aínda así este paradigmático espazo viu pasar os principais acontecementos do século XX, ademais de ser o punto de encontro dos habitantes de toda a Comarca. Mitins políticos, actividades lúdico-deportivas, procesións, feitos luctuosos, desfiles militares, verbenas…; a historia do Campo da Feira é porén e tamén a historia de noso.

Organización dunha Feira en Cambre a mediados do século XX.

Paralela á estrada chamada Carreira e ao lugar onde estaba o cemiterio vello, situábase unha liña de postos para a venda de diversos produtos. Enfrontados a estes postos, deixando un espazo amplo no medio, na outra beira da estrada xa no Campo da Feira, unha liña máis de postos. A continuación, con dirección ao norte e respetando a devandita liña paralela, ubicábanse fiadas de  bois, entre os que se atopaban os bois grandes pero flacos que logo se engordaban para a súa venda. Estes  bois eran coñecidos polo alcume de “Bois de barco”, posto que xeralmente saían embarcados dende o peirao de Betanzos; a continuación os tenreiros aparellados para bois; máis abaixo os tenreiros máis cativos e, por último, as manadas de tenreiros, lindando xa cos muros da taberna de Porto. Estas manadas, que tamén xeralmente procedían de Betanzos (ata cen tenreiros todos xuntos), viñan cunhas plantillas porque tiñan o pé moi gastado. Eran as chamadas manadas de “regatóns” coñecidos así porque con eses era cos que se adoptaba regatear. Moitos ían á báscula municipal, posto que os compradores querían saber o seu peso.

Nun lateral da Feira do gando emplazábanse os postos para a venda do pan (procedente de Carral), a venda dos tecidos que procedían maiormente de Betanzos e as ferramentas así como outros moitos aperos de labranza.

Onde hoxe se sitúa o parque dos pequerrechos, antes colocábanse as chamadas “vacas secas” e os tenreiros para carne. Cara ao lugar onde actualmente está a Casa do Concello, ubicábanse as vacas preñadas e as paridas (o lugar denominábase “Campo das Vacas” ). Neste punto tamén había unha edificación municipal que contiña a báscula para pesar o gando. Estes terrenos estaban limitados cara ao oeste (preto do Castro) por unha plantación de nogais e pola corredoira do Rocón. O Cruceiro estaba precisamente no inicio desa vella corredoira, na parte dereita da sé actual do Concello.

Toda a parte de abaixo do Campo da Feira, lindando coa estrada do Temple, que hoxe se emprega exclusivamente como aparcamento, era o lugar onde se situaba o gando porcino (Campo dos Cochos).

Os produtos da horta, por último, vendíanse na praza onde está a fonte:  ovos, galiñas, coellos, verduras…

O Concello subastaba os arbitrios da Feira, engadindo todos os postos e o gando. Aos vendedores só se lles cobraba o consumo, o que se vendía ( era un imposto coñecido co nome de “alcabela”). O contratista dos arbitrios (o concesionario) cobraba tamén segundo o tamaño dos postos, que tamén se adotiaban regatear. Así na década de 1950, segundo información de Manuel Fuentes Ramos, cobrábase cinco pesetas por un posto de tres metros.

Os postos eran prefabricados e nestes anos unha familia ocupábase de montalos na víspera: eran os pais dos sogros de Coché, a saber, o señor  Pepe de Meangos. Estes poñían as tarimas segundo os tiñan contratados, así como unhas crucetas de madeira para o tellado: os toldos colocábamos os tendeiros. Poucos había que non conseguiran  posto. Como curiosidade, había sempre o correspondente cego sobre todo na década de 1930, a partires dos anos corenta deixaron de acudir.

No hay comentarios:

Publicar un comentario