Páginas

miércoles, 27 de febrero de 2013

O número cinco: referente simbólico do Templo de Cambre

Quero hoxe reseñar unhas cuantas reflexións sobre a igrexa románica de Santa María de Cambre, reflexións sobre a súa simboloxía matemática.

Efectivamente, as cousas posúen unha estrutura matemática, de xeito que a Idea e o Número son a única realidade auténtica das cousas, de acordo cun modelo creado por Deus. Desde este punto de partida a matemática explica precisamente a harmonía dos templos románicos, que deriva da xeometría platónica transmitida aos mestres construtores das catedrais.

Como veremos, o templo cristiano, como é o caso de Santa María de Cambre, no só se conforma como unha imaxe "realista" do cosmos, senón tamén como unha imaxe "estrutural": representa e reporduce a estrutura íntima e matemática do universo. é a forma cadrada da Xerusalén Celeste, relacionada directamente coa arquitectura dos templos. Na igrexa de Cambre pódese apreciar toda esa simboloxía, coa sabia combinación entre todos os elementos mencionados, o que sen dúbida conferiralle harmonía e proporción.


Ventá esquerda da fachada occidental con cinco arquiños de ferradura

Os dous números que xogan o papel máis destacado na elaboración da harmonía e da proporción entre as partes dun edificio relixioso románico son a Década (Tetraktys ou suma dos catro primeiros números, 1 + 2 + 3 + 4 = 10) e a Péntada. A Péntada  (chamada polos pitagóricos  "número nupcial") é o arquetipo ou paradigma abstracto da xeración: resulta de xuntar o primeiro número par -matriz- co primeiro número impar -varón- (2 + 3 = 5). Así, o Cinco é o número da harmonía e da beleza, en particular do corpo humano. Por iso, si o vencellamos á construción do templo (que corresponde ao home deitado cos brazos en cruz) entenderemos rápidamente as correspondencias simbólicas co número nupcial. O Cinco é así o número do amor creador e da beleza harmoniosa e viva, conferida por Deus creador ao universo por medio do home.

Na igrexa de Santa María de Cambre o número cinco aparece continua e repetidamente, conxugado cos números tres e oito (número de Cristo): cinco ábsidas, cinco tramos da nave central, cinco asrcos nas ventanas, oito columnas cilíndricas da ábsida central, oito óculos raiais, oito piares da nave central, etc

martes, 26 de febrero de 2013

Baixorelevo da Virxe co Neno

Atópase na nave lateral esquerda da igrexa de Santa María de Cambre, aproveitando a porta tapiada do antigo cemiterio que lle fai de fornacina.

Como sabemos, a escultura na arte románica atópase ao servizo da arquitectura. Nas imaxes románicas non se pretende representar as cousas tal e como as vemos: o importante é a "esencia inmutable" das cousas, non a súa apariencia terrenal. As imaxes deben representar o mundo invisible do máis alá para que se aprecie a presenza do diviño, da virtude e do pecado, así coma do mal. É así que as imaxes sempre esconden un símbolo, unha alegoría ou unha lenda para conmover e emocionar: o home debe obter unha ensinanza e unha instrución moral.


A talla que nos ocupa está fóra do seu lugar orixinal; supoñemos que foi feita para estar enfoscada nun tímpano hoxe desaparecido. Posiblemente fose tallada no último terzo do século XII. A virxe aparece sentada sostendo no colo o neno, que está a bendecir coa man dereita e coa esquerda sostén un libro. O escultor preocupouse moito por establecer a filiación: a cara do neno é semellante á da Virxe.

No románico, tano a pintura como a escultura constitúen compoñentes esenciais da arquitectura. A peza na que se esculpe esta talla parece estar deseñada para ocupar un lugar preponderante seguindo dous elementos básicos: o primeiro termo e a xerarquía. O primeiro sinala a preponderancia do persoeiro representado, de xeito que aparecen de maior ou menor tamaño en virtude da súa importancia dentro da corte celestial. Figura en repouso (idea de inmutabilidade), hieratismo e alonxamento.

O simbolismo deste baixorelevo parece aludir á "Majestas Domini": aparece en Maxestade, hierática, entronizada, de xeito que tamén serve de trono ao Neno.

Ao redor do topónimo "Cambre"

Existen varias interpretacións ao redor do significado do topónimo "Cambre". Vou a elaborar un pequeno resumo de todas elas, sendo conscente de que me estou a mover polas augas procelosas e esquivas da cencia lingüística.

As primeiras noticias documentais sobre o topónimo que nos ocupan falan de "Calambre" ou de "Calamber", tanto no documento de fundación do Mosteiro de Santa María coma nos arquivos do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, ambos os dous datados no século X.


Unha vista da croa do Castro de Cambre. Fotografía de Ramón Boga Moscoso

Parece claro que o topónimo desenvólvese a través do primeiro término "calam-", "cam-" e a terminación "-bre" ou "-ber". Para os lingüistas de tendencia céltica, a base "cal-o", moi frecuente no ámbito da lingua celta, refírese a unha antiga divinidade prerromana, un teónimo de base solar, a saber, "o que está no alto". Dese xeito Cambre, Cambere ou Camber, serían formas sincopadas que equivaldrían a "Cam(a)-verus" ou a "Cam(o)-verus". Pero tamén existe a posibilidade de que "cal-", "-cal-o" e "camo" sexan formas reducidas do teónimo "Camal". Así "cama" sería unha divinidade guerreira cun compoñente solar vencellada ao outro mundo, aos mortos e, ocasionalmente, á curación e á fertilidade.

Outra posibilidade sería que "calam-" procedese do céltico "Kalamo", cana, colmo, Pero "Cam-b" ou "Com-b" pode significar tamén "cousa, curva, recodo".

Con respecto á terminación "-bre", "-ber", tamén existen varias posibilidades de interpretación, que resumo nos seguintes puntos:

1ª.-Son moi numerosos os nomes, especialmente os hidrónimos, que se basean no esquema B-R-B ou en G-R-G en toda Europa: refírense a divinidades das augas, da curación e do mundo subterráneo; acostuman posuir á vez unha connotación bélica e solar que as relaciona coa montaña e coa altura.

2ª.-Que "-bre" poida aludir ou significar río ou auga, e dicir, pode que proceda do término "awer".

3ª.-Que "-bre" ou "-ber" signifiquen "castro, monte, altura".

A miña interpretación do topónimo "Cambre" despréndese da análise do lugar como enclave arqueolóxico, tendo en conta a peculiar situación e as relacións espacio-temporais entre os diversos elementos que a particularizan: castro, xacemento romano, xacemento medieval, campo da feira... Outros elementos que se deben ter en conta son: lugar alto, dominante, paraxe chaira, e dicir, espazos abertos nun lugar central, como acontece neste caso.

Deste xeito, considerando que os topónimos en "-bre" proceden do indoeuropeo "veris" (que significa altura), no caso de Cambre considero que o primeiro elemento "cam-", sería o nome do deus, sacerdote ou princeps ao que está adicado ou ao que pertence o lugar (posiblemente un santuario celta). O cognomen "cam-" ou "cal-" equivaldría a "Calamus". Polo tanto o noso topónimo viría a significar, segundo a miña interpretación, lugar alto (fortaleza, castro, santuario...) do deus, príncipe ou sacerdote "Calamus".